Friday 03 de May de 2024

O concello repartirá esta semana novo material de protección na rede de mercados municipais


 

A alcaldesa, Inés Rey, explicou que ata agora se repartiron nas prazas 200 pantallas protectoras, 3.200 máscaras cirúrxicas e 2.500 luvas para a seguridade das vendedoras e dos vendedores

O concello entregaralles esta semana novo
material de protección ás traballadoras e aos traballadores das prazas de abastos
municipais para garantir a súa saúde e a seguridade alimentaria. Así llelo
comunicou esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, ás vendedoras e aos vendedores do
mercado Eusebio da Garda e San Agustín, durante unha visita en que a rexedora
puido comprobar que “se segue a traballar a pleno rendemento e que están
abastecidos con todo tipo de alimentos”. O novo material sumarase ás 200
pantallas, 3.200 máscaras e 2.500 luvas que o concello xa repartira en días
pasados.
Acompañada polo concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada,
a alcaldesa, que iniciou hoxe unha rolda de visitas a todos os establecementos da
rede municipal, explicou que os mercados “resisten bastante ben nesta situación de
crise sanitaria, manteñen as súas vendas e incrementaron os seus servizos de
venda en liña e repartimento a domicilio”. Estas últimas medidas, que xa
funcionaban nalgunhas prazas antes da pandemia do coronavirus, sérvenlles en
certa medida para mitigar o descenso de afluencia da clientela. A visita da

Nota de Prensa

alcaldesa permitiulle tamén coñecer como viven as vendedoras e os vendedores
esta situación e que novas iniciativas se poden adoptar.
Doutra banda, a alcaldesa sinalou que no caso do Concello da Coruña “estanse a
estudar todas as medidas de choque necesarias para reactivar a economía e que se
poidan adoptar canto antes co fin de evitar que a situación de crise se faga crónica e
teña consecuencias máis graves das que xa ten”.
O Goberno local, dixo, implantará actuacións complementarias ás formuladas por
outras administracións para limitar o impacto do coronavirus na economía da
cidade. A intención do Executivo, insistiu, é axudarlles aos sectores produtivos a
sortear a crise.

E farano, sinalou a rexedora, a través dun modificativo de crédito que se acordará
con todas as forzas políticas. Os cambios nas partidas “non se basearán en
decisións unilaterais do Goberno local senón que buscarán o maior consenso
posible”.
“Trátase dun labor de cidade, en que debemos traballar unidos”, resaltou Inés Rey,
quen anunciou que o Executivo xa está a analizar as partidas que poden darse de
baixa para dotar outras de maior crédito e que se debaterán na Comisión de
Facenda que se realizará a finais desta semana, onde o resto de partidos políticos
terán a oportunidade de presentar a súas achegas.